O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a zona acompañado da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, para avaliar o impacto que terá esta mellora para os veciños do lugar e tamén para os usuarios da escola infantil situada nesta zona. A obra conta cun investimento de 647.000 euros, cantidade que xa foi respaldada por unanimidade en comisión informativa.
Por unha banda, a actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.
A alcadesa, Margarita Lamela, destacou a importante mellora que esta obra demandada polo concello suporá para a mellora da seguridade na zona e agradeceu a visita do presidente para coñecer in situ o enclave onde se acometerá esta importante actuación.
Lamela destacou tamén que o Concello de Cee vén de adxudicar a segunda fase da traída de augas a Bermún-Pereiriña, unha obra do Plan Único provincial que supón un investimento de 102.000 euros e que mellorará o servizo de abastecemento de auga á veciñanza da zona.