A Deputación celebrará o Día Internacional da Danza en 6 concellos da Costa da Morte

1 minutes read

A danza contemporánea percorrerá A Costa da Morte, tomando o mar como atrezzo e conectando os corpos coa natureza, a través de obras que teñen un importante vínculo coa lingua e coa memoria. Así é a filosofía do programa ESCORA da Deputación da Coruña, que levará 6 compañías de danza a 6 concellos da Costa da Morte, no marco da celebración do Día Internacional da Danza para o ano 2022.

O programa, que se desenvolverá a fin de semana do 22, 23 e 24 de abril, conta coas actuacións das compañías do territorio galego, Clara Ferrao, Colectivo Glovo, Elahood, Eva Comesaña, Kirenida Danza e Marcia Vázquez nos concellos de Fisterra, Muxía, Laxe, Camariñas, Malpica de Bergantiños e A Laracha (Caión).

O proxecto ofrece tres días cheos de danza, con intervencións nas mañás e nas tardes, convidando aos públicos a facer unha ruta pola Costa da Morte, comezando en Fisterra o venres 22 de abril pola mañá e rematando en Malpica de Bergantiños o domingo 24 de abril pola tarde. Deste xeito, ESCORA preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade.