A Deputación colabora coa ONG coruñesa AIRE na construción dun parque de bombeiros en Arxelia


O parque de bombeiros ubícase nunha zona próxima ás instalacións do hospital e ao posto de control de acceso da wilaya (provincia) de Smara, onde se atopa o campamento. Unha localización óptima dado que deste xeito está conectado coa principal vía rodada do campamento, que é, ademais, a que conecta co resto de provincias. Á súa vez, a cercanía co hospital permite un mellor traballo conxunto ante unha eventual situación de emerxencia.

O proxecto xeral, que se desenvolve conxuntamente coa ONG local Acción Norte consiste na construción de cinco parques de bombeiros e a formación do persoal.Os bombeiros de AIRE e outros voluntarios coruñeses viaxaron en diversas ocasións ao terreo para supervisar as obras e colaborar na formación dos bombeiros saharauis.

Máis de 165.000 persoas se atopan nestes campamentos, onde non se conta cos servizos básicos de atención sanitaria e de emerxencias.

A acción enmárcase dentro dos 17 proxectos de cooperación exterior e axuda ao desenvolvemento que a Deputación da Coruña financia este ano con 267.000 euros a través das súas liñas de subvencións.