A Deputación colabora coa Universidade da Coruña na formación de especialistas en protección de datos

A Deputación da Coruña colabora co «Curso de Posgrao sobre especialización en cumprimento legal e privacidade» organizado pola Universidade da Coruña co financiamento da matrícula de dez persoas do cadro dos concellos e da propia Deputación. O obxectivo é formar especialistas nunha materia de especial relevancia nas organizacións actuais.

O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto Vivero e o reitor da Universidade da Coruña, Xulio Abalde asinaron o convenio de colaboración pola que a Deputación se compromete a financiar dez matrículas para o curso de Posgrao sobre especialización en cumprimento legal e privacidade.

O curso ten como obxectivo contribuír á formación de especialistas nunha materia de grande actualidade fundamental para funcionamento das institucións como é a a protección de datos persoais ademais de todo o referido a súa identificación, regulación e tratamento.

O convenio recolle como un reto o manexo dos datos conforme as esixencias legais para o que se precisa un coñecemento técnico especializado para garantir os dereitos das persoas e evitar sancións pola vulneración da normativa legal.

«A iniciativa forma parte do programa que a Deputación desenvolve para contribuír á formación e especialización do persoal das administracións locais, en especial, en materias que están suxeitas a modificacións e son de especial interese para a relación das institucións coas persoas», sinala o deputado Xesús Soto que aposta por unha «administración áxil, moderna, segura e adaptada á sociedade na que vivimos».

O curso está organizado pola Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e a Deputación financia dez matrículas a persoas do cadro de persoal de concellos e Deputación de cara a outorgar o título de especialista para o que se destina un orzamento de 15.800 euros. Entre outras materias, o curso inclúe o tratamento de normativa de protección de datos e réxime sancionador, branqueo de capitais anticorrupción, delitos relativos á propiedade industrial, intelectual ao mercado e ás persoas consumidora, dereito á protección de datos persoais e obrigas de responsábeis do tratamento.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha