A Deputación convoca o premio Francisco Tettamancy para alumnado de secundaria


A Deputación da Coruña convida aos centros educativos de secundaria da provincia a concursar no Premio Escolar Francisco Tettamancy, destinado a popularizar e divulgar, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o legado do escritor, historiador e activista galeguista. Os alumnos, dos cursos de 1º a 4º de ESO, deben realizar unha intervención artística arredor da figura de Tettamancy a partir do emprego de calquera disciplina de expresión creativa. O prazo de presentación de traballos remata o 18 de maio.

Concederase un único premio en metálico dotado cunha cantidade de 2.000 euros para a compra de material escolar, xunto coa entrega dunha distinción simbólica e un recoñecemento público. En todos os casos a participación por centro deberá ser colectiva. Os equipos deberán estar integrados polo alumnado de, cando menos, unha clase, e estar coordinados por, como mínimo, un ou unha das súas docentes, sendo esta persoa responsable da intervención. Valoraranse especialmente aqueles traballos que incorporen unha visión ampla do contexto da súa xeración ou atendan a acontecementos históricos aos que estivo vinculado, tanto de forma directa, como protagonista destes, como a través do seu estudo ou análise.