A Deputación da Coruña abre o prazo do II Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’

2 minutes read

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para presentar candidaturas á II edición do premio ‘Xoan Vicente Viqueira’, de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación.

Faise en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoan Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou progreso da educación, sempre co galego por bandeira. O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no ámbito das ciencias sociais e humanidades.

As bases, que foron realizadas conxuntamente co Instituto de Estudios e Investigación Psicosocial Xoan Vicente Viqueira grazas á mediación do Concello de Bergondo, municipio onde residía o escritor, establecen que se poderán presentar as candidaturas, de xeito telemático a través de SUBTEL, ata o 15 de febreiro ás 14 horas.

A deputada de Educación, Yoya Neira, presentou o premio xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a presidenta do Instituto Xoan Vicente Viqueira, Isabel Lema Blanco, e o presidente de honra da entidade, Ricardo García Mira. Neira salientou “a aposta da Deputación por dar continuidade a este certame, que ademais de recoñecer o traballo que fan persoas ou institucións nun eido tan importante como o das ciencias e as humanidades pon en valor a figura de Viqueira no desenvolvemento do pensamento filosófico e o progreso da educación en Galicia”.

Pola súa parte, Alejandra Pérez Máquez indicou que “Viqueira é un dos nosos veciños máis ilustres e un adiantado ao seu tempo” e lembrou que “no Concello declaramos o ano 2024 como Ano de Xoan Vicente Viqueira, para destacar o seu labor defendendo a galeguización do ensino, a incorporación plena da muller e outras reformas no sistema educativo”.

Ricardo García Mira salientou que estes premios “recoñecen o valor da investigación científica neste país” e destaca “a figura dun referente para Galicia no ámbito da Psicoloxía, a Educación e a Lingua, como foi Xoán Vicente Viqueira”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?