A Deputación da Coruña abrirá unha sede institucional en Ferrol

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que a institución provincial establecerá unha nova sede en Ferrol en 2026. Fíxoo no marco do almorzo informativo «Conversas no Parador», organizado polo Club de Prensa de Ferrol coa colaboración do Parador de Turismo.

Formoso explicou que a compra do local sairá a licitación pública proximamente e que a nova sede da Deputación en Ferrol se situará «nun edificio céntrico que, ademais de funcionar como sede institucional da Deputación, contará cun auditorio para reunións e actos culturais, unha sala de exposicións, unha oficina tributaria moderna e adaptada ás necesidades actuais, ademais dun espazo de coworking integrado na rede da Deputación», que xa conta con once centros na provincia. Segundo destacou, «o coworking permitirá que as persoas emprendedoras non teñan que marchar e poidan establecer na cidade as súas ideas de negocio». O investimento previsto para a nova sede ascende a un millón de euros.

Durante a súa intervención, o presidente repasou tamén algúns dos investimentos máis recentes da Deputación en Ferrol e na súa comarca, como o millón de euros destinado á reforma da grada e da iluminación do estadio municipal da Malata, os máis de 360.000 euros investidos nas melloras do centro de rehabilitación do Confurco de ASFEDRO ou as tres fases das obras de ampliación e mellora da estrada Serantes-Aneiros-A Cabana, cun investimento global superior aos dous millóns de euros. Anunciou ademais novos compromisos, como a mellora da estrada de San Xurxo, que se acometerá atendendo á petición veciñal, e o acordo coa asociación de veciñas e veciños de Covas para remodelar o seu local social, que se executará proximamente.