A Deputación da Coruña acolle un encontro nacional sobre os arquivos provinciais

1 minutes read

Preto de medio centenar de responsables de arquivos provinciais de toda España participan durante estes días no simposio, que se celebra baixo o lema «Deseñar os arquivos do século XXI» e no que debaterán e compartirán as problemáticas profesionais e experiencias de boas prácticas nos diferentes arquivos de todo o país.

O presidente en funcións da Deputación, Valentín González Formoso, deu a benvida á Coruña aos asistentes e defendeu «a sensibilidade» do goberno provincial coa necesidade de conservar e dixitalizar os diferentes arquivos municipais e o propio arquivo provincial «xa que facelo permite que a cidadanía poda ter acceso a documentos que forman parte da nosa propia historia».

A Oficial Maior da Deputación e responsable do Arquivo Provincial, Amparo Taboada, destacou o traballo realizado pola institución provincial neste ámbito e manifestou o seu desexo de que o encontro sexa útil para avanzar en retos coma a transición cara ao Arquivo electrónico único, que debe estar implantado antes de que remate o 2020.