- O persoal técnico dos concellos participará na xornada de análise da lingua galega desde unha perspectiva de inclusión e xénero
A cuarta xornada de Malas linguas: activando falantes para o século XXI desenvolverase desta volta na Coruña o venres 12 de abril. O Pazo Provincial acollerá o encontro organizado pola área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña en que participará o persoal técnico dos concellos, alumnado e público para afondar na Lingua e xéneros.
O obxectivo da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, nesta cuarta xornada do programa, que comezou o pasado mes de outubro, é seguir facendo unha análise das políticas lingüísticas, neste caso, desde unha perspectiva de xénero que afonde na relación entre xénero e usos lingüísticos, na lingua como elemento de inclusión, no feminismo e mesmo no idioma coma un lugar de encontro e acollemento.
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, que será a encargada de abrir o encontro ás 9:30 horas, considera que esta xornada “nace para ser unha ferramenta interesante para eliminar o sexismo no uso da lingua, de maneira especial desde o ámbito institucional municipal, e promover a súa potencialidade para camiñar para a integración e a igualdade”.