A deputada de Igualdade, María Muíño, xunto coa técnica, Eva Ovenza, presentaron o programa contra a violencia machista que a Deputación da Coruña desenvolverá arredor da conmemoración do 25 de novembro. «Organizamos seis accións con carácter informativo, formativo e de sensibilización que son necesarias para tomar conciencia e erradicar a violencia contra as mulleres», dixo María Muíño na presentación da campaña.
Anunciou así dous programas de obradoiros que se desenvolverán en concellos da provincia, un deles dirixido á idade infantil celebraranse en doce centros educativos e o outro realizaranse en dez concellos da provincia con dúas sesións cada un de alto contido participativo. «Estará dirixido á poboación xeral con obxectivo de contribuír á prevención, sensibilización e identificación da violencia de xénero e confluirán nunha mostra arredor das violencias invisíbeis», explicou a deputada de Igualdade.
Ademais, o propio 25 de novembro estrearase nas Pontes a curtametraxe «Nunca Máis», realizada a partir do texto gañador do Concurso de Guións contra a Violencia Machista da Deputación da Coruña que na pasada edición gañou o IES Moncho Valcarce da localidade e para o que está aberta a nova convocatoria até o vindeiro 19 de decembro arredor, nesta ocasión, da violencia económica. «O obxectivo é fomentar o proceso de reflexión e debate nunha idade en que é de especial importancia traballar na prevención do machismo», anotou María Muíño. Despois da estrea, a curtametraxe difundirase nos centros de ensino e porase a libre disposición na páxina da Deputación da Coruña na que xa están publicadas as curtas de edicións anteriores.
A responsábel da área de Igualdade destacou tamén que a Deputación ten aberto o prazo de presentación para o premio Concepción Arenal de proxectos educativos pola igualdade de xénero que busca «fomentar o compromiso coa igualdade de xénero no ámbito educativo».
Igualmente apoia tamén a 19 concellos de menos de 5.000 habitantes para se adheriren ao programa «En negro». En concreto, A Baña, Aranga, Cabanas, Cariño, Carnota, Cerdido, Coirós, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Mañón, Mazaricos, Moeche, Monfero, Paderne, San Sadurniño, Val do Dubra son os concellos que participan nesta campaña co apoio da Deputación.