A Deputación da Coruña apoia á Agrupación de Protección Civil de Santa Comba con máis de 11.000 € para material

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a Agrupación de Protección Civil de Santa Comba para coñecer de primeira man o seu traballo e as necesidades do servizo. Durante a visita, comprobou os medios cos que conta a agrupación e o labor que desenvolve, clave na atención ás emerxencias, especialmente nun contexto de aumento dos episodios meteorolóxicos adversos como os vividos nos últimos meses.

A Deputación, a través das súas liñas de subvencións para agrupacións de Protección Civil, destina a este servizo máis de 11.000 euros, unha achega que permitirá mellorar o equipamento e reforzar a capacidade de resposta ante calquera incidencia, contribuíndo a incrementar a seguridade da veciñanza.

A deputada destacou a importancia de apoiar a Protección Civil, «garantindo que os concellos conten con recursos axeitados para actuar con rapidez ante calquera emerxencia».

Capelán puxo tamén en valor o traballo do voluntariado, «fundamental para a prevención e a intervención en situacións de risco», e agradeceu a súa implicación diaria ao servizo da cidadanía.

Esta liña de axudas forma parte da convocatoria provincial para investimentos en agrupacións de Protección Civil, dotada con 114.961,65 euros e que beneficia a 16 entidades da provincia este ano. O programa permite financiar a compra de maquinaria, ferramentas e equipamentos de rescate, mellorando a capacidade operativa destes servizos, especialmente nos concellos máis pequenos.

A esta cantidade súmanse outros 70.000 euros para financiar actividades das agrupacións de Protección Civil que se publicaba este mércores no BOP.

Related posts

Un colombiano acepta cinco anos de cadea por intentar matar o seu compañeiro de piso en Santa Comba

A Deputación da Coruña dota de novos vehículos a seis entidades sociais da provincia

O Concello de Santa Comba paga moito máis tarde do que dicta a ley sobre morosidade