A Deputación da Coruña apoia a construción dun aparcadoiro para 300 coches en Balarés


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, para ratificar este importante investimento, que vén a completar o traballo de mellora continua que se está a levar a cabo desde o ano 2016 na área recreativa de Balarés.

González Formoso reafirma a súa aposta por transformar Balarés “nun ben para toda a provincia, que serve para desfrutar dunha praia de bandeira azul, para organizar unha comida ao aire libre, pero que tamén é un espazo cultural cargado de historia e de simbolismo”.

O novo aparcadoiro estará situado nunha parcela de 34.000 metros cadrados, adquirida previamente pola Deputación cun orzamento de 82.000 euros. “Sumando estes dous proxectos de compra da parcela e construción do aparcamento coa fosa séptica que se fixo este ano, a limpeza e o repintado das prazas para persoas con mobilidade reducida, alcánzase un investimento en Balarés que supera os 530.000 euros”, explicou o presidente provincial.

Ademais, a día de hoxe a Deputación está levando a cabo traballos de mantemento do piñeiral de Balarés. Unha actuación que permitiu retirar 46 eucaliptos e tamén acondicionar e sanear os pinos para mellorar a súa saúde e garantir a seguridade dos usuarios e usuarias deste espazo.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido expresou “unha mensaxe de agradecemento, en nome dos veciños e veciñas do Concello, a Valentín González Formoso pola súa aposta decidida por Balarés e pola nosa comarca”. “Estamos satisfeitos con que a Deputación aposte polo seu patrimonio, por mantelo, por desenvolvelo e dotalo de infraestruturas”, engadiu.

A obra de construción do aparcadoiro que vén de ser aprobada no pleno provincial consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, creando 300 prazas e eliminando o tráfico rodado na vía de entrada á praia.