A Deputación da Coruña apoia a posta en valor das cabeceiras do río Xallas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, avanzou que apoia un convenio de cooperación para o cofinanciamento do proxecto «As cabeceiras do Xallas», unha actuación destinada á recuperación e posta en valor dos espazos naturais onde nace un dos ríos máis singulares de Galicia. O acordo supón un investimento total de 48.526,94 euros, dos que a institución provincial achega o 80% do financiamento.

Formoso destacou que a actuación «vai permitir descubrir e dar valor a un espazo único, que forma parte da identidade do Xallas e da provincia da Coruña, ao tempo que abre novas oportunidades para un desenvolvemento turístico sostible no rural».

O proxecto contempla a rehabilitación do histórico Muíño do Relo, a creación de itinerarios de sendeirismo que conectarán as diferentes cabeceiras do río Xallas e a súa conexión coa fervenza de Castriz, así como a sinalización dos principais elementos de interese turístico da zona. Trátase dunha intervención que busca recuperar o patrimonio etnográfico e natural, ao tempo que se crean novos espazos de lecer saudable para a veciñanza e visitantes.

Related posts

O Auditorio de Baio acollerá este sábado a presentación do libro ‘As tolas que non o eran’

O Consello da Xunta aproba o decreto para que os PAC abran os sábados, domingos e festivos

Carballo dá o paso definitivo para a integración da Pedra Moura de Aldemunde no Parque do Megalitismo