A Deputación da Coruña vén de publicar as bases dunha nova liña de axudas destinadas a apoiar á frota de cerco da provincia dependente das capturas do xurelo.
As axudas, cun orzamento de 684.000 euros, buscan apoiar a un sector fundamental da economía coruñesa, como é o da pesca artesanal, e en concreto ás embarcacións especialmente afectadas polas restricións nas capturas e os paros na pesquería do xurelo, tras a redución por parte da Unión Europea dun 78% das cotas de pesca desta especie durante 2023, que só pode capturarse como pesca accesoria.
Con estas axudas, a Deputación da Coruña cumpre o compromiso anunciado o pasado mes de marzo de apoiar a flota pesqueira da provincia afectada polo peche da pesquería do xurelo, tras a reunión que mantivo o presidente, Valentín González Formoso, con representantes da Federación Galega e Provincial de Confrarías de Pescadores, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Asociación de Cerqueiros Galegos, Cooperativa de Armadores de Ribeira e Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA).