A Deputación da Coruña apoia ás agrupacións de Protección Civil na compra de material

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases das subvencións para apoiar ás agrupacións e asociacións de voluntarios de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes para realizar investimentos que impulsen o mantemento e o reforzo do servizo que prestan á cidadanía.

O importe total desta liña de subvencións é de 115.000 euros. As axudas irán dos 1.000 aos 12.000 euros, podendo acadar ata o 80 % do orzamento total.

Poderán beneficiarse desta convocatoria aquelas agrupacións, asociacións e asociacións de agrupacións de voluntarios de Protección Civil cun mínimo de 5 membros.

O obxecto da convocatoria é que estas agrupacións poidan adquirir ferramentas de rescate e salvamento propias da actividade, e destinadas á mellora dos servizos; equipamento do local dos grupos; maquinaria; equipos de comunicacións que faciliten a busca e a localización de persoas e incidencias e a compra de material informático para axilizar o seu traballo.

A Deputación pretende con estas axudas apoiar o traballo das agrupacións de Protección Civil da provincia a través de programas consensuados coas propias agrupacións atendendo as súas necesidades máis directas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha