A Deputación da Coruña apoia doce grandes eventos deportivos

1 minutes read

A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión provisional de 12 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas da provincia para levar a cabo distintos eventos deportivos de singular interese nos concellos da provincia durante o ano 2019.

As achegas provinciais, inclídas nunha das múltiples liñas de subvencións ao deporte que impulsa cada ano a Deputación, publicáronse no BOP deste martes e supoñen investimentos por un importe global de 337.701,66 euros, que teñen como obxectivo «apoiar a celebración de grandes eventos deportivos, que reúnen a deportistas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da provincia a nivel nacional e internacional «, segundo destacou a deputada responsable da área de Deportes da institución provincial, Cristina Capelán.

As axudas concedidas destínanse ás seguintes actividades: Rally Terra da Auga- Campionato de España de Rallyes (21.070, 08 euros), II Grand Trail Costa da Morte (50.000 euros), Campionato de España de parellas de pitch and putt (10.000 euros), XXVIII Salón do Cabalo Equiocio- Ferrol (40.000 euros), Open Internacional Xtreme Pantín 2019 (25.000 €), Pantín Classic Galicia Surf Pro- Campionato do Mundo da WSL (66.631,58 €), Torneo Internacional Sub20 de baloncesto feminino- Club Universitario de Ferrol (10.000 €), 50 Rallye de Ferrol (30.000 €), Campionato de España de Surf 2019 (30.000 €), 18 Volta Ciclista á Provincia da Coruña (10.000 €), Liga Promises Feminina 2019 – Federación Galega de Fútbol (25.000 €) e Samurai Xtreme Race Lago das Pontes 2019 (20.000 €).