A Deputación da Coruña apoia o traballo de Senda Nova e de Mar de Fábula, entre outras 20 asociacións medioambientais

A asociación Ambiental Senda Nova, co proxecto «Espías no bosque», recibirá 10.640 euros, mentras que a asociación Mar de Fábula polas súas diversas actividades ambientais recibirá 12.200 euros.

A Deputación da Coruña vén de aprobar provisionalmente as subvencións destinadas a entidades sen fins de lucro no ámbito do medio ambiente —tanto na parte de actividades como na de investimentos— por un importe total de 330.674,57 euros. Esta partida económica permitirá a un total de 22 entidades da provincia desenvolver proxectos para a preservación do medio natural durante este ano 2026.

Grazas a esta inxección de fondos, poranse en marcha iniciativas tan diversas como o proxecto «Espías no bosque» para a divulgación ambiental, a creación de microrreservas de flora no Ortegal, a limpeza de plásticos en zonas costeiras a través de programas como «Por un mar limpo», ou o seguimento científico de mamíferos mariños e morcegos en toda a xeografía coruñesa. Ademais, a axuda institucional facilitará a adquisición directa de terreos de alto valor ecolóxico en concellos como Santiso e a recuperación de bosques atlánticos degradados por monocultivos.

Sobre o impacto destas achegas, a deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou que dende a institución provincial son conscientes de que as administracións non poden chegar a todos os recunchos sen a axuda dos colectivos que traballan a pé de campo. A deputada subliñou o papel «imprescindible» que xogan estas asociacións, afirmando que «o tecido asociativo ambiental da nosa provincia é o noso mellor aliado, pois son eles os que coñecen cada río, cada duna e cada especie ameazada». Segundo explicou a deputada, o obxectivo é tamén «concienciar á sociedade no coidado do territorio».

A resolución provisional, publicada este luns no Boletín Oficial da Provincia, abre agora un prazo de dez días hábiles para que as entidades interesadas poidan completar a súa documentación, presentar alegacións ou aceptar definitivamente as axudas.

Entidades beneficiarias da liña de apoio a actividades:

Asociación Ambiental Senda Nova: Proxecto «Espías no bosque» (10.640,00 €).
Asociación Cultural e Medio Ambiental «GEAS»: Proxecto REGAM de seguimento ambiental (4.826,00 €).
Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: Accións na Reserva da Biosfera (20.000,00 €).
Asociación Fragas do Ortegal: Recuperación de bosque e microrreservas (2.558,40 €).
Asociación Galega de Custodia do Territorio: Xestión de microrreservas (14.880,00 €).
Asociación Limpocean: Proxecto «Por un mar limpo de plásticos» (20.340,00 €).
Asociación Mar de Fábula: Actividades ambientais diversas (12.200,00 €).
Asociación Medioambiental Amabul: Aula Ambiental Ulla+26 (25.000,00 €).
Asociación Néboa Medio Ambiente: Escola de Natureza (2.936,00 €).
Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula: Recuperación de parcelas degradadas (5.080,00 €).
Asociación Proxecto Batefogo: Prevención de lumes forestais (15.752,42 €).
Asociación Redes de Sal: Sensibilización no Festival Mar de Mares (25.000,00 €).
Asociación Umbella: Xogo da sostibilidade «Salvando Eldoria» (9.696,00 €).
Asociación Vento Noso: Xestión eficiente de enerxías renovables (25.000,00 €).
Asociación Verdegaia: Brigadas deseucaliptizadoras 2026 (3.320,00 €).
Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA): Conservación de especies mariñas (10.475,86 €).
Fundación Fragas do Mandeo: Programa de custodia do territorio (20.000,00 €).
Hábitat Grupo Naturalista: Programa de accións medioambientais (24.998,90 €).
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN): Divulgación de fauna e flora (2.496,56 €).
Surf and Clean: «Defende o mar a través do Surfing» (25.000,00 €).
Morcegos de Galicia (Condicionada): Conservación de quirópteros na Coruña (13.735,04 €).

TOTAL: 293.935,18€

Related posts

O alcalde da Laracha participou no Senado no Acto do sétimo aniversario da Manifestación da España Vaciada

Vieiro imparte en Aspaber o seu programa “O Triángulo da Saúde”

Carballo, referente estatal en divulgación científica