A Deputación da Coruña apoia o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, firmou un convenio de colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), polo que se instrumenta unha subvención nominativa de 100.000€ para o cofinanciamento do «XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Sada 2023». A achega da Deputación supón un 70% do orzamento total do proxecto.

Este evento consiste nunha conmemoración marítima bienal e itinerante que congrega ás diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas, acompañada de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional e artesanía, entre outras actividades complementarias.

Xosé Regueira destacou o «innumerable patrimonio marítimo de Galicia», agradecendo o labor de entidades como Culturmar para a súa posta en valor, «un traballo que non podemos máis que apoiar dende a Deputación», sinalaba, «e que agradecemos e aplaudimos, apostando por unha extensa programación que vai máis aló do propio evento».

Celebrado en Sada o pasado mes de agosto, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia acolleu a máis de 100 embarcacións de diferente tipoloxía (dornas, botes, chalanas, galeóns…) que encheron a ría, e tamén o paseo marítimo cun amplo programa de actividades culturais relacionadas co mar.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha