Os Premios Follas Novas do Libro Galego presentaron en Santiago de Compostela as principais novidades da súa edición de 2026 nun acto no que participaron representantes das entidades organizadoras e das institucións colaboradoras, entre elas a Deputación da Coruña, representada polo deputado de Patrimonio, Xosé Penas.
Na presentación interviñeron Miguel Toval, presidente da Asociación Galega de Editoras; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Patricia Porto, presidenta da Federación de Librarías de Galicia; o deputado da Deputación da Coruña Xosé Penas; a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao; e o deseñador Pepe Barro.
As tres entidades organizadoras —Asociación Galega de Editoras, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e Federación de Librarías de Galicia— anunciaron a súa intención de constituír de cara ao vindeiro ano unha asociación específica para asumir a organización e desenvolvemento dos premios, co obxectivo de reforzar a súa estrutura, garantir a continuidade e impulsar o seu crecemento e proxección.
Durante o acto déronse a coñecer tamén a renovada identidade visual dos galardóns, deseñada por Pepe Barro con forte simbolismo rosaliano, así como unha nova estrutura de xurados orientada a reforzar a especialización, o equilibrio e a transparencia no proceso de avaliación.
A gala de entrega dos Premios Follas Novas celebrarase o próximo 9 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela e estará conducida por Ailén Kendelman, que presentará o espectáculo Unha señora orquestra.
Os premios están organizados pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, CEDRO e a Xunta de Galicia.
No encontro presentáronse tamén os premios de honra desta edición, que distinguirán a Basim Al-Khandaqji, Editorial Galaxia no seu 75 aniversario e a Libraría Moito Conto, ademais das obras finalistas das distintas categorías desta edición.