O deputado de Promoción Económica, Blas García, reafirmou o compromiso e apoio da Deputación da Coruña coa Festa do Melindre de Melide. Neste sentido, García lembrou que o ente provincial colabora con infinidade de festas gastronómicas, «especialmente con aquelas que poñen en valor os produtos con selo artesán, como a de Melide». Como explicou o deputado, a trinta edición da festa confirma «a importancia e a calidade deste evento, non só en Melide, senón tamén en toda a comarca».
A celebración, que tivo lugar esta fin de semana, incluíu a degustación deste doce, pero tamén a organización de showcookings, maridaxes e obradoiros para os nenos e nenas.
A maiores, a trinta edición contou coa presenza dos seguintes cociñeiros, que foron bautizados como Embaixadores do Melindre: Pedro Coego, José Mouriño, Román Varela, Pablo Laya, Daniel Quintás, Manuel Garea, Kike Piñeiro e Eloy Cancela.