A Deputación da Coruña aproba o convenio que permitirá sentar as bases da Cidade das TIC


A Deputación da Coruña aprobou en pleno o convenio que permitirá sentar as bases de colaboración entre todas as institucións implicadas na construción e dotación da Cidade das TIC da Coruña, un polo tecnolóxico e de innovación dixital para toda a provincia de referencia a nivel nacional e internacional que será centro de demostración, aloxamento para empresas, incubadora empresarial, centro de alta tecnoloxía e de investigación, entre outros fins.

O convenio, do que forman parte, ademais da Deputación, o IGAPE, a Universidade da Coruña, o Concello da Coruña e o Clúster TIC Galicia, ten o obxectivo de, nun prazo máximo dun ano, elaborar o Plan Director da Cidade das TIC e deseñar e poñer en marcha a súa estrutura de gobernanza, dous aspectos imprescindibles para o seu desenvolvemento futuro.

O Plan Director permitirá analizar o contexto no que se encadra a Cidade das TIC, avaliar a súa contribución para todos os sectores produtivos relacionados coa tecnoloxía, definir un plan de accións, propoñer unha visión estratéxica de futuro e establecer unha folla de ruta. O resultado deste traballo será un Plan Estratéxico coa misión da Cidade das TIC, unha planificacións das actuacións e investimentos a realizar na súa posta en marcha, un plan de xestión da cidade e das súas infraestruturas, un plan de sustentabilidade económico-financieiro e, por último, a constitución da nova sociedade xestora.