A Deputación da Coruña aproba o Plan Único 2021


O pleno da Deputación da Coruña aprobou este mércores por unanimidade de todos os grupos políticos o Plan Único 2021, que investirá este ano un total de 83.954.628,57 euros nos concellos da provincia da Coruña. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, agradeceu o apoio unánime da corporación provincial e destacou “a importancia dun plan que vai a permitir a execución de 284 obras durante este ano nos concellos coruñeses e que, ademáis de mellorar as infraestruturas e servizos municipais, contribuirá á reactivación social e económica tras un ano especialmente difícil”. Pola súa banda, o vicepresidente e responsable da área de Plans Provinciais, Xosé Regueira, destacou que o Plan Único é “unha moi boa noticia para os concellos da provincia e tamén para os sectores económicos porque, nun ano tan complexo, vaise aumentar o volume de carga de traballo, respondendo ás necesidades que cada concello prioriza”.