A Deputación da Coruña aproba un orzamento de 184 millóns de euros para 2020

2 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este xoves, cos 17 votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e 13 votos en contra do Partido Popular o orzamento da institución provincial para o ano 2020, que ascende a 184.016.500 euros (un 0,22% máis que no presente exercicio).

Ao remate do pleno, o presidente Valentín González Formoso, agradeceu «o espírito construtivo» das propostas de mellora das contas provinciais efectuadas polos diferentes grupos políticos durante a sesión, así como a «corresponsabilidade» dos grupos que votaron favorablemente «uns orzamentos dos que depende en boa medida a capacidade de investimento dos 93 concellos coruñeses e que garantizan o apoio a miles de entidadades culturais, deportivas, ANPAS, confrarías de pescadores» e moitos outros colectivos sociais e económicos da provincia.

O Partido Popular presentou 24 emendas ao orzamento, por importe de 5,8 millóns de euros, que foron rexeitadas cos votos de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, que coincidiron en destacar que 14 delas son relativas ao financiamento dos centros de menores (Fogar Infantil Emilio Romay e Centro de menores de Ferrol) e educativos (IES Calvo Sotelo e IES Puga Ramón da Coruña) que o Goberno provincial vén demandando dende hai tempo que debe asumir a Xunta de Galicia, ao tratarse de competencias autonómicas.

Ademáis, os portavoces de PSOE e BNG, Antonio Leira e Xosé Regueira, incidiron en que a proposta do PP «recorta nas partidas dalgúns servizos fundamentais», coma a de Teleasistencia, da que se benefician 2.500 persoas maiores ou dependentes de 89 concellos coruñeses, na que a proposta do PP suporía un recorte de máis do 83% dos fondos, pasando de 720.000 a 120.000 euros. Outras partidas afectadas serían a redacción de proxectos técnicos de estradas ou os servizos de apoio educativo do IES Calvo Sotelo.