A Deputación da Coruña aprobou a creación dunha nova senda de Neaño ao Allo, en Cabana

1 minutes read

A Deputación da Coruña aprobou un investimento de 802.384 euros para crear unha senda de 1,2 quilómetros na estrada DP-1406 de Neaño ao Allo por Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños. Os traballos permitirán dotar á vía dun itinerario de dous metros de ancho. Un camiño que se proxectará na marxe dereita ao longo de 1.220 metros.

As obras a realizar nesta plataforma tamén contemplan a súa ampliación ata conseguir dous carrís de tres metros e medio e beiravías de medio metro. Nos puntos nos que se executen muros de escollera, a beiravía na marxe esquerda terá un ancho dun metro. Para completar as tarefas, substituirase a drenaxe existente para ofrecer unhas mellores características hidráulicas. O proxecto tamén instalará sinalización vertizal, horizontal e balizamento, así como resaltes e ollos de gato.