A Deputación da Coruña, dentro das súas liñas de mellora da calidade e da competitividade turística, vén de abrir a convocatoria dunha axuda para a cesión de tres embarcacións eléctricas non somerxíbeis aos entes de xestión de Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Barbanza Arousa. O orzamento inclúe a posta en marcha dun proxecto piloto de ecoturismo náutico. Cada un dos seis xeodestinos da provincia poderá optar a concesión dun so barco.
«En Turismo da Deputación», explicou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, «hai tempo que traballamos na idea de poñer en marcha varios programas pilotos relacionados co turismo fluvial». «Cremos», engadiu, «que nun país como Galiza e nunha provincia como é a da Coruña, dun gran potencial fluvial, precisabamos dun proxecto deste tipo de aproveitamento dos recursos fluviais, claramente sustentábel, pois estes tres barcos estarán propulsados por enerxía absolutamente limpa».
O obxectivo da área de Turismo da Deputación é que o proxecto chegue, en vindeiras anualidades, á totalidade do territorio e que os seis xeodestinos poidan contar con cadansúa embarcación. «Onde sexa posible, claro», afirmou Regueira, «pero temos en toda a nosa xeografía ríos perfectamente navegables para este tipo de barcos; ademais por espazos, como tamén lagos e lagoas, cunhas características naturais moi interesantes para calquera visitante».
Para o vicepresidente «trátase de ir vendo como se pode deseñar e estruturar un produto fluvial que teña rendibilidade e retorno no territorio, tanto a nivel de emprego como de economía e mesmo de ocio para a poboación residente».
As solicitudes ás axudas presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTEL).