A Deputación da Coruña colaborará na construción dun centro integral de rehabilitación de dano cerebral en Eirís

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou este xoves que a institución provincial colaborará con 300.000 euros na construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco, situado no barrio coruñés de Eirís. A achega económica atópase actualmente en trámite e articularase a través dunha subvención nominativa que permitirá avanzar na finalización dun proxecto estratéxico para a atención ás persoas con dano cerebral adquirido na comarca.

Formoso realizou o anuncio esta mañá durante unha visita ás obras, na que estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, o deputado de Economía e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo e pola directiva de Adaceco, encabezada polo presidente da entidade, Juan Luís Delgado e a directora, Natalia de Llano. Na visita ás obras do novo centro participaron tamén a a deputada Yoya Neira, a concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa, o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e o director xeral de de Familia, Infancia e Dinamización Xeográfica, Jacobo Rey. Durante o percorrido comprobaron o bo ritmo dos traballos, que se atopan xa nunha fase de execución moi avanzada.

O novo centro está a construírse nunha parcela de case 2.000 metros cadrados, situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba, e contará con planta baixa e dúas alturas. As novas instalacións permitirán ofrecer atención especializada a arredor de 40 persoas, cun modelo de intervención integral baseado na rehabilitación física, cognitiva, funcional e psicosocial, así como apoio ás familia.

Segundo explicaron os responsables da entidad durante a visita ás obras, o centro de Eirís contará con plans de atención personalizados, estancias de mañá e tarde, servizo de comedor, transporte adaptado e actividades terapeúticas, con tecnoloxía punteira en neurorehabilitación

O investimento total das obras do centro supera os 2 millóns de euros e, ademáis da achega de 300.000 euros da Deputación, que representa arredor do 15% do investimento total das obras, conta con financiación privada, a través dunha donación dos traballadores de Inditex (927.841 euros) e da Xunta de Galicia (185.000 €), ademáis de fondos propios de Adaceco.