A Deputación da Coruña completa as obras da estrada da Campara a Pazos, en Ponteceso

Cedida.

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, acompañados de concelleiros do goberno municipal, visitaron a estrada provincial DP- 6805 da Campara a Pazos, na que a Deputación da Coruña vén de investir máis de 600.000 euros en dúas fases para renovar o pavimento de 5,5 quilómetros de vial e mellorar a seguridade da circulación dunha estrada que rexistra un elevado volume de tráfico.

Segundo explicou Pequeño, a estrada contaba cunha superficie moi irregular, polo que se executou unha nova capa de regularización de espesor variable e dotouse dunha capa de mestura asfática en quente. Os traballos incluíron tamén a substitución das barreiras de seguridade metálicas existentes e a renovación da sinalización horizontal e vertical e pintado de novas marcas viais.

“Estamos no remate final dunha obra que mellora notablemente a seguridade nunha estrada con moito tráfico”, afirmou Pequeño, que subliñou que con esta última fase dos traballos cúmprese o compromiso adquirido co alcalde de Ponteceso.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso destacou “en dous anos, a Deputación investiu arredor de 600.000 euros no tramo da DP 6805 que vai da Campara a Pazos, unha estrada fundamental para conectar o acceso a Corme, a Brantuas, a Nemeño e incluso ás parroquias limítrofes de Malpica”.

“Vimos de ver todos os negocios que están funcionando en Pazos e dependen moito de que teñan un acceso en condicións”, apuntou o alcalde.