A Deputación da Coruña publicou este luns no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as resolucións definitivas das bolsas de investigación e das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos correspondentes ao ano 2026. En total, a institución provincial concede 48 bolsas de 10.000 euros cada unha, cun investimento conxunto de 480.000 euros.
As axudas teñen como obxectivo facilitar que persoas da provincia poidan desenvolver proxectos de investigación ou completar e perfeccionar a súa formación artística, tanto en Galicia como noutros centros especializados de fóra da comunidade ou no estranxeiro.
A convocatoria de bolsas de investigación conta con 20 persoas beneficiarias e unha dotación global de 200.000 euros. As axudas distribúense entre cinco áreas de coñecemento: artes e humanidades, con 5 bolsas; ciencias, con 4; ciencias da saúde, con 4; ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero, con 5; e enxeñaría e arquitectura, con 2.
Os proxectos seleccionados abranguen ámbitos moi diversos, desde o desenvolvemento de terapias CAR-T contra o cancro de pulmón ata a resistencia aos antibióticos no solo, a xestión forestal sostible ou a integración de infraestrutura verde nos polígonos industriais da Coruña. Tamén se financian investigacións sobre historia, literatura e realidade social e económica de Galicia, como estudos sobre a Biblia de Santo Domingo de Bonaval, o Galician noir, a participación comunitaria e o asociacionismo sociocultural ou a vulnerabilidade estrutural de Galicia fronte a shocks xeopolíticos.
Pola súa banda, as bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos benefician a 28 persoas e contan cun orzamento de 280.000 euros. As axudas abranguen ilustración, artes plásticas e visuais, audiovisual, danza e artes do movemento, teatro e interpretación escénica e música.
As bolsas permitirán continuar estudos e especializacións en disciplinas moi diversas, desde a interpretación musical, con formación en violín, violonchelo, viola, clarinete, fagot, acordeón, trombón ou composición, ata a danza contemporánea, a formación actoral, a produción artística, a fotografía publicitaria, o deseño de interfaces ou o Concept Art. Os bolseiros e bolseiras formaranse en centros especializados de Madrid, Valladolid, Viena ou Basilea, entre outros.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estas bolsas permiten «apostar polo talento da provincia da Coruña e apoialo para que poida medrar» e subliñou que este programa facilita que mozos e mozas poidan formarse nos mellores centros a nivel nacional e internacional e desenvolver os seus proxectos de investigación cun apoio económico axeitado.
A Deputación consolidou nos últimos anos este programa incrementando tanto o número de bolsas como a súa contía. Durante a presidencia de Formoso, a convocatoria pasou de 40 a 48 axudas, mentres que o importe das bolsas aumentou de 8.000 a 10.000 euros, co obxectivo de adaptarse ao incremento dos custos asociados á formación, á investigación e á creación artística.
