A Deputación da Coruña conmemorou o 8M homenaxeando ás ‘Mulleres do pasado, semente de futuro’

2 minutes read

O vestíbulo da Deputación acolleu a conmemoración do Día da Muller, nun acto institucional no que participaron o presidente, Valentín González Formoso; a deputada de igualdade, Soledad Agra e a artista Guadi Galego, que coa súa canción «Matriarcas» puxo voz á historia das «conquistadoras, aleitadoras, brilantes activistas da vida cotiá» que protagonizan a campaña institucional da Deputación.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o 8M é «unha xornada de reivindicación, coa que facemos máis visible unha loita que debe ser diaria» e subliñou que as mulleres seguen tendo hoxe salarios un 20% máis baixos, maiores taxas de desemprego e temporalidade e pensións máis baixas, ademais de enfrontar no día a día os desafíos da conciliación ou a atención a menores e dependentes. «O noso ordenamento xurídico garante sobre o papel a igualdade, pero a realidade social é ben distinta. Atopámonos na metade dun camiño longo e cheo de obstáculos», afirmou.

Formoso aludiu tamén ao lema do 8M da Deputación neste 2024 «Mulleres do pasado, semente do futuro», afirmando que «os referentes femininos son importantísimos para avanzar en igualdade» e que «moitas veces buscámolos en mulleres destacadas», pero con frecuencia «témolas a carón de nós, nas nosas avoas e nais».

‘Mulleres do pasado, semente de futuro´, é unha homenaxe «ás nosas antecesoras, para visibilizar os seus logros e a as súas dificultades», apuntou Soledad Agra. «Conseguiron dereitos dos que podemos desfrutar hoxe: o divorcio, o dereito sexual e reprodutivo, o dereito a facer os estudos que queiramos ou a traballar no que nos guste, a poder viaxar ou vivir sen tutela masculina, e tantos outros, que lle costaron moitas protestas, folgas, até a morte, ás nosas bisavoas, avoas e nais» engadiu.

Esta campaña enmárcase no compromiso da Deputación para contribuir a alcanzar a igualdade nos diferentes espazos da vida.