O deputado responsable das áreas de Emprego,Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Sostible, José Ramón Riobóo, participou este xoves nunha reunión con técnicos da Deputación e a Cámara de Comercio da Coruña para estudar a viabilidade de desenvolver un Plan de Promoción Industrial no que participarían diversas institucións relavantes da comarca coruñesa, entre elas a propia Deputación.
Riobóo sostivo que «a aposta pola promoción industrial e tecnolóxica da provincia e a creación de emprego seguirán sendo dúas das claves estratéxicas» do goberno provincial de Valentín González Formoso durante o presente mandato e destacou a necesidade de «coordinar esforzos das institucións públicas e privadas» para reactivar un sector industrial que veu perdendo peso nos últimos anos como consecuencia da crise económica.
O Plan de Promoción Industrial da Coruña e a súa Área de Influencia parte, tal e como destaca a Cámara de Comercio, dunha profunda análise da economía coruñesa, que pon de manifesto a progresiva perda de peso do sector industrial na zona, fronte a un sector terciario que foi gañando protagonismo.
O Plan de Promoción Industrial propón tres grandes obxectivos. Por unha banda, mellorar os factores básicos de localización industrial, que implica completar a dotación de infraestruturas básicas, garantir a conectividad interna e externa, mellorar a coordinación institucional en materia de planificación do territorio e minimizar os trámites administrativos á implantación de novos proxectos industriais.