A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, vestiario ou combustible.
Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, “o programa contribuirá, un ano máis, á mellora da imaxe de máis de 360 praias coruñesas de cara á tempada estival, e axudará tamén á creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais contratáronse o pasado ano preto de 300 persoas, unha cifra que espera que sexa similar este ano”.
González Formoso destacou que A Coruña é a provincia española con máis quilómetros de costa e que as praias dos concellos costeiros “son un dos principais atractivos turísticos”. “A Deputación apoia un ano máis aos concellos da provincia para que os nosos areais estean en condicións óptimas para este verán”, apuntou o presidente.
A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos na época estival.