A Deputación da Coruña publicou este mércores no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria de doce dos trece programas cos que o goberno provincial contribúe á creación de emprego nos concellos e á mellora dos servizos públicos municipais. A lista completarase nas próximas semanas coa convocatoria do PEL- Concellos 2024.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira Varela, compareceron en rolda de prensa para presentar estes programas, que segundo explicou Formoso «suman un orzamento de 18.636.000 euros e financian directamente a contratación de 1.550 persoas o vindeiro ano nos municipios coruñeses».
Pola súa banda, o vicepresidente Xosé Regueira Varela, incidiu tamén na importancia destas 13 liñas de axudas «para ofrecer servizos de calidade nos concellos». Regueira desatacou que, a maiores destas liñas, o Plan Único «permite tamén financiar servizos de competencia municipal, polo que os concellos costean tamén parte dos seus cadros de persoal con fondos deste Plan».