A Deputación da Coruña dará luz verde no pleno deste mes ao tramo compostelán da Vía Verde


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle xunto co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e o presidente da Asociación de concellos da Vía Verde, Antonio Leira. Ao evento acudiron tamén os alcaldes dos municipios polos que xa discorre a Vía Verde, Juan Manuel Rodríguez, de Cerceda; Antonio Pereira, de Tordoia, e Luís Rey, de Oroso. Non puido asistir o alcalde de Ordes, José Luís Martínez.

Alí o dirixente provincial anunciou que esta primavera darán comezo as obras tramo compostelán da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que agora xa conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, e con esta nova actuación completará o seu treito ata Santiago de Compostela. “Na actualidade xa é a máis longa de Galicia, con 26 quilómetros, e con esta nova ampliación ata a capital galega chegará ata os 36 quilómetros”, explicou Formoso.

O presidente destacou na súa intervención que “facer este proxecto realidade é posible grazas á colaboración entre as diferentes administracións: Goberno de España, Deputación da Coruña e concellos” e avanzou que o pleno provincial do mes de febreiro dará luz verde á encomenda de xestión do primeiro tramo da Vía Verde en Compostela, que irá desde a entre a Estación da Sionlla ata o PQ 2+200 e terá un custo de 800.000 euros, dos que 500.000 euros serán achegados pola Deputación e 300.000 euros polo Concello de Santiago. A aprobación no pleno permitirá que a Deputación licite as obras de maneira inmediata, polo que a súa execución podería comezar esta primavera.

A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o PQ 2+200 ata o PQ 10+200 onde conecta coa Vía Verde xa está en funcionamento, en Sigüeiro, suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados pola PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago. Actualmente a Fundación Ferrocarriles Españoles está adaptando o proxecto, seguindo a mesma liña que nos restantes tramos.

En total, explicou Formoso, o tramo compostelán sumará 10 quilómetros e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros.