O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, manifestou que a sentenza «supón un gran paso» e «ratifica o que pensa toda a sociedade e que desde o Goberno da Deputación intentamos materializar, defendendo con argumentos xurídicos desde o inicio do proceso que o Pazo forma parte do patrimonio público e non do patrimonio particular da familia Franco». O presidente provincial agardeceu tamén «o traballo e implicación» das «numerosas persoas e institucións que traballaron para que isto fose posible».
Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, destacou que a sentenza dá a razón «ao informe xurídico presentado pola Deputación hai case tres anos que abriu o camiño para a reclamación xudicial que agora confirma o espolio».
Desde a Deputación da Coruña agárdase agora que o Pazo de Meirás volva finalmente a mans públicas e reverta no patrimonio galego, en especial, na veciñanza de Sada que foi a principal vítima do asunto.