O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presentou a nova liña de axudas provincial para reactivar o sector das orquestras e verbenas en Galicia, dotada de 704.000 euros e dirixida a que os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes poidan contratar directamente a orquestras e/ou subvencionar ás comisións de festas para a súa contratación.
No acto de presentación desta liña extraordinaria de axudas que se enmarca dentro do Plan de Emprego Local (PEL) tamén estiveron presentes o portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández; o deputado Ángel García Seoane, e o representante de OTAVI (Asociación de Orquestras Tradicionais ao Vivo) e responsable da Oca Band, Dani Dopazo, ademais doutros cantantes e músicos de coñecidas orquestras galegas como a París de Noia, Los Satélites, ou Metrópolis e o representante de Gaias Eventos, Luís Soto, que asistiron como público.
Na súa intervención, Formoso destacou «a dimensión económica dunha actividade na que Galicia se sitúa á vangarda de España, xa que xera 5.000 empregos e factura preto de 30 millóns de euros, o 70% da facturación do sector en toda España».
O portavoz de OTAVI, Dani Dopazo quixo agradecer o apoio da Deputación: «estamos emocionados, para nós hai un antes e un despois de hoxe. Ogallá outras administracións collan o guante xa que se entre todos coidamos as festas galegas con un selo de calidade a todos nos vai ir moito mellor».
Os 90 concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (todos agás as grandes cidades) poderán solicitar, como máximo, a contía do módulo que lles corresponda, en función da porcentaxe resultante de dividir o número de habitantes do concello entre o número total de habitantes nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, supoñendo así axudas que van desde os 3.000 aos 15.000 euros, en función da súa poboación.
Os gastos subvencionables son os correspondentes ao importe do gasto previsto para a contratación directa polo concello de orquestras que cumpran os requisitos establecidos nestas bases e os gastos previstos como subvencións a comisións organizadoras de festas populares e tradicionais para a contratación de orquestras que cumpran os requisitos establecidos. Entre estes requisitos están que as formacións musicais fagan música en directo, teñan máis de dous anos de antigüidade e unha composición mínima de seis membros, dos que catro deberán ser músicos e tocar algún instrumento.