A Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros para apoiar os festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que organizan os concellos e entidades. En total, son 63 os festivais que este ano subvenciona a área de Cultura da Deputación a través de dúas liñas en concorrencia competitiva.
Un total de 1.065.127,16 € é o orzamento que a Deputación da Coruña destina á organización de festivais de 63 festivais que se celebran na provincia, ben organizados polos propios concellos ou tamén por entidades culturais.
«A Deputación revalida a súa aposta polos festivais como eventos de especial interese para a promoción da nosa creación cultural, respondendo tamén ao lema que sempre defendemos que di que a cultura é un dereito», sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
Festivais como FIOT de Carballo, Antros Pinos de Boiro,o Freakemacine da Coruña, o Festival das Carrilanas de Esteiro, o Río Castro de San Sadurniño, o Feito a Man de Santiago o Festival da Luz de Boimorto, a MICE de Santiago, a Festa da Carballeira de Zas son algúns dos eventos que a Deputación da Coruña apoia na convocatoria dirixida a entidades organizadoras de festivais. En canto aos que promoven directamente os concellos atópanse festivais como Cinema Crianza de Ames, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, o Asalto ao Castelo de Vimianzo, o Carballo Interplay, o Rock in Cambre ou o Festival do Queixo de Arzúa.