A Deputación da Coruña e o Concello de Cee construirán unha senda peonil na Ameixenda


O presidente da Deputación,Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asinaron o convenio para financiar a construción dunha senda peonil na antiga AC-197 ao seu paso polo núcleo da Ameixenda.

A actuación, que está valorada en 110.770,88 euros dos que a Deputación aportará 88.616,70 euros, o 80% do orzamento, permitirá mellorar a seguridade dos moitos veciños e veciñas da Ameixenda que dan os seus paseos polo tramo que sae do núcleo cara o sur e finaliza na estrada AC-550 nunha área recreativa que conta cunha vista panorámica da ría de Cee e Corcubión desde onde se divisa o monte Pindo e as Illas Lobeiras.

A senda mellorará tamén a seguridade no acceso a pé da veciñanza ao cemiterio, ao que se dotará de conexión coa traída de augas.

O proxecto inclúe a creación dun itinerario peonil de 640 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, que discorrerá pola marxe dereita da vía e que se executará en formigón de color ocre e que contará cun bordo con 7 centímetros sobre o asfalto.

Ademais, instalarase un paso de peóns sobreelevado para reducir a velocidade do tráfico nesta zona, onde está situado un cemiterio, habilitarase o sistema de recollida de pluviais mediante sumidoiros cada 40 metros e instalarase unha canalización de abastecemento que levará auga potable ao camposanto.