A Deputación da Coruña e o Concello de Val do Dubra traballan para axilizar as obras da travesía de Bembibre

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, acordaron este martes traballar conxuntamente para axilizar os trámites que permitan iniciar o antes posible as obras de mellora integral da travesía de Bembibre (DP-1914), principal eixo viario do municipio.

O proxecto, que conta cun investimento de 1.104.878 euros aprobado polo pleno provincial, está pendente unicamente de completar os acordos ou expropiacións dos terreos necesarios para a súa execución. As actuacións permitirán levar a cabo «unha transformación integral da travesía, cunha clara prioridade na seguridade viaria e na mobilidade peonil, así como na mellora da accesibilidade e da calidade do espazo público urbano», segundo explicou Formoso.

O presidente provincial subliñou que se trata dun proxecto «froito dun proceso longo, acordado co Concello e coa veciñanza, pensado para mellorar a seguridade e a calidade de vida no núcleo de Bembibre». «É un investimento importante, que incrementamos de 700.000 euros ata os actuais 1,1 millóns, e que ademais de mellorar a seguridade viaria no centro do pobo, supón unha clara aposta por un modelo de urbanismo máis humano e sostible», afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, destacou a relevancia dunha obra que «vai transformar por completo o noso pobo» e mostrouse optimista con que os traballos poidan comezar este mesmo ano, ao contar xa co financiamento aprobado.

Acceso ao futuro polígono industrial

Durante a visita, Formoso e Díaz, acompañados polo concelleiro de Obras, Antonio Negreira, a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Vilacoba, e por técnicos do departamento de Vías e Obras da Deputación, desprazáronse tamén á entrada de Bembibre, onde o Concello está a acometer a recuperación da antiga fábrica de A Telleira.

Neste punto, o alcalde e o concelleiro trasladaron ao presidente provincial que o goberno municipal rematou o pasado mes de decembro os procesos de expropiación- que culminarán co pago do terreos no mes de marzo- para desenvolver no entorno o futuro polígono industrial do municipio. Neste contexto, solicitaron á Deputación a construción dunha rotonda na DP-1914 que permita, por unha banda, dar acceso seguro ao novo parque empresarial e, pola outra, reducir a velocidade do tráfico de entrada ao núcleo urbano, completando así a actuación da travesía.

«A Deputación está disposta a apoiar a creación do polígono industrial coa execución dun novo acceso», asegurou Formoso, que encargou aos técnicos a elaboración dun estudo de viabilidade técnica. O presidente gabou a iniciativa do goberno municipal, cualificándoa como «unha inversión de futuro»: «Estamos a falar da adquisición de 90.000 metros cadrados para promover chan industrial, unha aposta clara para que as empresas que xa existen e as que queiran instalarse en Val do Dubra teñan aquí unha oportunidade real», afirmou.

Tamén Diego Luís Díaz incidiu en que «a creación do novo polígono, aprobado hai apenas un mes, permitirá que os empresarios non teñan que marchar a outros concellos para desenvolver os seus proxectos». «Agora toca empezar a darlle forma, e a rehabilitación da telleira, a creación deste acceso e a nova travesía van facer que a entrada de Bembibre sexa totalmente diferente», subliñou.

O alcalde agradeceu «o compromiso continuado da Deputación coa mellora das infraestruturas do municipio» e destacou que «estas actuacións son fundamentais para reforzar a seguridade viaria, a mobilidade e o desenvolvemento económico de Val do Dubra».

Neste mesmo vial, a Deputación da Coruña vén de completar o pasado mes de novembro as obras de mellora do firme da DP-1914 no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 23+500 e 26+500. Os traballos incluíron a renovación integral do firme cunha capa de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor en todo o ancho da calzada, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical, mellorando notablemente as condicións de circulación e seguridade viaria.

Visita ao Centro de Día e Ocupacional de AVANTE en Niveiro

No marco da súa visita ao municipio, Valentín González Formoso e Diego Luís Díaz, acompañados pola deputada de Política Social, Mar García Vidal, desprazáronse tamén ao Centro de Día e Ocupacional da asociación AVANTE, en Niveiro. Alí foron recibidos por Mercedes Pazos, presidenta da entidade; Manuel Santos, secretario; Ramón Sestayo, presidente da Fundación Cogami; e Víctor Silva, secretario da fundación.

Durante a visita, interesáronse polo funcionamento dun centro que presta servizos a persoas con discapacidade de toda a comarca, orientados á integración social, á autonomía persoal e ao fortalecemento das capacidades das persoas usuarias.

A Deputación da Coruña vén apoiando de maneira continuada a AVANTE a través das súas liñas de axudas a entidades sociais sen ánimo de lucro, tanto no desenvolvemento dos seus programas como na mellora das instalacións, entre elas a recente instalación dun sistema de aerotermia financiado con fondos provinciais.

Ademais, o presidente fixo entrega á entidade dun novo vehículo Volkswagen Crafter 35, adquirido tamén ao abeiro da liña de axudas provinciais para a compra de vehículos por parte de entidades sociais.

AVANTE conta con 40 prazas no centro de día e ocupacional, unha vivenda tutelada en Bembibre con 8 prazas e un servizo de transporte para 30 usuarios procedentes de oito concellos rurais, organizado en cinco rutas distintas, polo que o transporte constitúe un elemento esencial da súa actividade.

Related posts

España prohibirá acceder ás redes sociais a menores de 16 anos

O Concello da Laracha presentará á cidadanía o Plan Director das Torres de Cillobre

A Xunta reafirma o seu compromiso co marisqueo | Culpa á meteoroloxía da baixada de capturas en zonas como Camariñas