A área de Lingua da Deputación da Coruña presentou este xoves a campaña «O galego na música e nas redes sociais», unha iniciativa que se desenvolverá en 22 centros educativos da provincia, en colaboración con Orgullo Galego, co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no ámbito dixital e promover a creación de contidos en galego nas redes sociais entre a mocidade.
A deputada de Lingua, Sol Agra, e o responsable de Orgullo Galego, Borxa González, deron a coñecer os principais eixes desta nova edición do programa, que dá continuidade ao posto en marcha pola área de Lingua provincial o curso escolar pasado para lle achegar a lingua galega á mocidade a través das canles e ferramentas propias do ecosistema dixital, incorporando nesta edición a música como elemento central para visibilizar a infinidade de bandas e propostas musicais exitosas en galego presentes nas plataformas.
Durante a presentación, Sol Agra puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas que conecten o galego coa realidade comunicativa actual e destacou o papel das redes sociais como espazo clave para garantir a presenza da lingua entre as novas xeracións, así como para visibilizar os contidos que xa se están a crear en galego con formatos e linguaxes diversas.
«O galego é a nosa lingua propia, polo tanto podemos usala en todos os contextos e en todas as plataformas, tamén nas dixitais. A nosa mocidade ten que sentirse segura para ter a liberdade de crear contido, de facer música e de expresarse en galego nas redes sociais, e para iso ten que coñecer referentes que xa o fan, para que vexan que é algo normalizado e que o éxito non depende da lingua que uses, senón do contido que colgas», sinalou Agra.
A deputada referiuse tamén á percepción, estendida entre parte da mocidade, de que crear contido en galego pode restar persoas seguidoras, un prexuízo que, segundo indicou, non se corresponde coa realidade. «Iso é o que lles vai demostrar Borxa González nas súas charlas. Gustaríanos tamén que a rapazada puidese ter garantías de que non será cuestionada, atacada ou insultada por facer contido en galego, pero iso pode pasar e tamén teñen que sabelo. Aínda así, confiamos en que a rebeldía e a afouteza da mocidade, coñecendo referentes exitosos como Orgullo Galego, se anime a facelo sen medo», engadiu.
Borxa González crea contido nunha canle referente, con miles de seguidores, polo que se presenta como un exemplo ideal para achegarse á rapazada e mostrarlle un mundo dixital en galego, ofrecéndolle unha contextualización da situación actual, ferramentas para xerar contido no noso idioma, argumentos e referentes, así como o coñecemento de persoas influenciadoras e grupos musicais de éxito que empregan o galego con normalidade en todas as súas creacións.
Pola súa banda, Borxa González subliñou o potencial das redes sociais como ferramenta para normalizar o uso do galego e achegárllelo a públicos amplos, incidindo na necesidade de dar a coñecer referentes e proxectos dixitais que empregan a lingua galega con naturalidade e éxito. «Demostramos co exemplo de Orgullo Galego e de tantas outras canles que xerar contido en galego suma», afirmou.