A Deputación da Coruña estreita lazos con Portugal para ser un destino turístico atlántico

2 minutes read

Abrir vínculos que enlacen os territorios galego e portugués como unha unidade turística na que todos se complementen para competir co resto de destinos do escaparate mundial é un dos obxectivos cos que acode a área de Turismo da Deputación da Coruña á VI edición da Feira Ibérica de Turismo (FIT), que se celebra entre os días 2 e 5 de maio na cidade portuguesa da Guarda para a promoción dos principais destinos turísticos de España e Portugal.

“Alén do Turismo, para as galegas e galegos Portugal segue sendo algo así como o ‘noso propio Sul’, e desexamos que para os portugueses e portuguesas A Coruña chegue a ser tamén unha especie do ‘seu propio norte'”, destacou o responsábel da área de Turismo da Deputación coruñesa, Xosé Regueira, durante a presentación da FIT, un acto no que tamén estiveron presentes o Ministro de Economía da República de Portugal, Pedro Siza Vieira, o Presidente da Câmara Municipal da Guarda, Carlos Chaves Monteiro, e o director da Feira Ibérica de Turismo, Carlos Condesso.

Intervención do Deputado Provincial Xosé Regueira.

“Queremos que a FIT sexa ese espazo de encontro como destino atlántico, e que sexa tamén o punto de partida de multitude de camiños que leven futuro e progreso de Portugal á Coruña, e da Coruña á Portugal”, destacou Regueira, quen tamén agradeceu ao director da FIT a oportunidade de poder levar A Coruña como destino convidado: “Agardamos que esta feira sexa un espazo de oportunidades económicas para todos os expositores presentes”, engadiu o deputado provincial.

Pola súa parte, o Ministro de Economía, Pedro Siza, destacou a importancia que teñen os territorios do interior para o desenvolvemento do Turismo de Portugal e alertou da necesidade da descomposición da oferta turística: “Nos territorios do interior foi posible atopar motivos para a atracción do turismo durante todo o ano”, incidiu Siza.

Ampla representación da Costa da Morte

Durante toda a fin de semana a Costa da Morte estará representada polas suas xentes, as suas costumes e a sua gastronomia. Haberá degustación de empanada de Carballo, mostra en vivo da olería de Buño, redeiras de Malpica ou exibición do traballo das palilleiras de Camariñas. Ademáis o domingo tamén está prevista para a xornada de peche a presentación do Grand Trail da Costa da Morte. O stand da Deputación da Coruña proporcionaralle aos visitantes da Feira Ibérica de Turismo toda a información de carácter xeral que precisen sobre os produtos e servizos turísticos que posúe a provincia .