A Deputación da Coruña estuda colaborar con Axober para impulsar bolsas de formación en empresas e reter talento local

3 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado pola deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, mantivo unha reunión coa directiva da Asociación de Empresarios de Bergantiños (AXOBER), presidida por Diego Iglesias, na nova sede da entidade en Carballo. O encontro enmárcase na rolda de reunións que o presidente provincial mantén con entidades e asociacións da provincia para coñecer as súas necesidades e estudar vías de colaboración.

Durante a xuntanza analizouse a situación económica, empresarial e laboral de Bergantiños, con especial atención ás dificultades das empresas para atopar persoal coa cualificación e os perfís profesionais que precisan. Os representantes de AXOBER trasladaron tamén a preocupación pola marcha de xente nova cara ás cidades, unha tendencia que dificulta a incorporación de talento ao tecido produtivo da comarca e o relevo xeracional.

Para contribuír a dar resposta a esta situación, abordouse a posibilidade de crear un programa de bolsas que permita completar a formación de profesionais mediante a aprendizaxe práctica nas empresas. O obxectivo sería mellorar as súas posibilidades de inserción laboral e achegar a formación ás necesidades concretas do tecido empresarial.

A proposta facilitaría que as persoas participantes adquiran experiencia e competencias vinculadas á súa especialidade, ao tempo que coñecen as oportunidades profesionais da súa contorna. Con esta iniciativa buscaríase favorecer que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto laboral e persoal nas comarcas rurais.

O programa tería un alcance máis amplo que Bergantiños e desenvolveríase en colaboración con outras entidades empresariais de zonas rurais da provincia. Articularíase a través dun convenio no que se concretarían as condicións e a participación das entidades implicadas.

Apoio ao emprego e ao comercio local

Na reunión tamén se valorou o papel das subvencións que a Deputación destina a asociacións empresariais como AXOBER para apoiar a súa actividade. Estas achegas contribúen ao desenvolvemento de iniciativas de dinamización económica, formación e asesoramento, así como ao acompañamento de empresas e persoas emprendedoras.

Outro dos asuntos abordados foi o impacto social e económico dos programas provinciais de apoio ao emprego e ao comercio local. Neste ámbito, destacouse a contribución do Plan de emprego local (PEL) á contratación, ao apoio ás persoas autónomas e á mellora das pequenas empresas, así como o papel de MercaNaVila para estimular o consumo nos establecementos de proximidade.

En resposta ás cuestións trasladadas por AXOBER, abordouse tamén a situación dos municipios de máis de 20.000 habitantes, como Carballo, que quedan fóra do ámbito do programa MercaNaVila. Como xa anunciara na presentación do programa, Formoso reiterou que o goberno provincial está explorando fórmulas e alternativas para dar cobertura ao comercio local destes concellos de mediano tamaño mediante acordos coas entidades empresariais.

Unha entidade en crecemento

O encontro permitiu coñecer tamén a etapa de crecemento e consolidación que vive AXOBER, impulsada pola nova xunta directiva que preside Diego Iglesias. Nos últimos dous anos, a asociación pasou de 86 a máis de 200 empresas asociadas, ampliando a súa capacidade de representación e apoio ao empresariado de Bergantiños.

A integración da Asociación de Hostalaría de Bergantiños contribuíu a fortalecer a entidade e ampliar a súa representatividade, sumando esforzos arredor dun proxecto común para o tecido empresarial da comarca.

Este impulso reflíctese tamén na organización de citas de referencia como Berocasión e Noroeste Cero Emisións, que reforzan o papel de AXOBER na dinamización económica e na proxección de Bergantiños.