A Deputación da Coruña estuda o deseño de paquetes turísticos coas axencias de viaxes

Cedida.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse cunha delegación da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) composta polo presidente Juan Rivadulla, o tesoureiro Óscar Regal e o vicepresidente Francisco Candocia nun encontro en que se decidiu estudar unha nova vía de colaboración que consiste na elaboración de novos paquetes turísticos no ámbito dos seis xeodestinos da estratexia de promoción da institución.

Na xuntanza os representantes de AGAVI trasladaron ao vicepresidente a situación “crítica” pola que atravesa o sector polos efectos demoledores da pandemia que se manifestou na nula facturación dos seus distintos negocios. Neste sentido, os datos que achegaron poñen de manifesto a urxencia de tomar medidas para manter os postos de traballo e as pequenas empresas dun sector de especial relevancia para a promoción turística do territorio dos concellos.

Neste sentido, Deputación e AGAVI estudan os termos para colaborar na paquetización de produto no ámbito dos seis xeodestinos tanto para venda en feiras como para distintas accións comerciais de promoción e exportación dos recursos.