A actuación levaríase a cabo por fases na estrada provincial DP-2904 coa prioridade de estudar a mellora da curva situada á altura de Amarelle, no quilómetro 17 da estrada. Trátase dun punto especialmente perigoso, para o que se analizará a viabilidade dun trazado alternativo. A vía, cunha lonxitude de 18 quilómetros, ten un trazado sinuoso e con numerosas pendentes. Outro dos tramos é o das curvas situadas nas inmediacións de Almacenes Recarey, á altura de Padreiro, tamén no termo municipal de Santa Comba. Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso, a actuación sobre este punto, situado no quilómetro 15 da vía, ocuparía o segundo lugar na orde de prioridades á hora de acometer melloras na seguridade viaria desta estrada.