A Deputación da Coruña esíxelle á Xunta de Galicia a gratuidade da autovía AG-55

3 minutes read

A Deputación da Coruña aprobou este mércores, no pleno ordinario de abril, a moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG para lle esixir á Xunta de Galicia a eliminación das peaxes da autovía AG-55, que conecta A Coruña e Carballo. A proposta, aprobada cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP, tamén demanda a execución dun plan de mantemento urxente para corrixir os puntos de acumulación de auga e o mal estado do firme na autovía.

A institución provincial reclámalle á Xunta o rescate da autoestrada Carballo-A Coruña amparándose no procedemento levado a cabo o 10 de outubro de 2024, cando a entidade autonómica liberou cun investimento de 297 millóns de euros as autovías do Salnés, do Barbanza, de Ourense-Celanova e de Santiago-Brión.

O voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, destacou a marxinación que sofre a Costa da Morte por parte da Xunta de Galicia ao seguir permitindo que sexa a súa veciñanza a que custee a «infraestrutura estratéxica cun réxime de concesión». O deputado sinalou a importancia de solucionar esta situación, xa que a autovía é «fundamental para a comunicación da comarca coa cidade da Coruña e dos polígonos industriais co porto exterior de Punta Langosteira».

O voceiro socialista fixo fincapé no incremento anual do prezo da peaxe que teñen que asumir os veciños e as veciñas da Costa da Morte. As persoas que queiran ir de Carballo á Coruña, pagan un total de 2,60 euros; quen queira ir de Paiosaco a Carballo, paga 1,35 euros; de Arteixo á Laracha, 1,30 euros; e da Laracha a Carballo, 0,85 euros.

«A todo isto hai que sumarlle que esta autovía está repleta de fochas retapadas, tramos en mal estado de conservación e ten ducias de puntos onde se concentran balsas de augas os días que chove», engadiu Bernardo Fernández. Entre os puntos presentados na moción, os e as socialistas e nacionalistas reclaman a elaboración dun plan de mantemento urxente como garantía de seguridade vial.

A portavoz do BNG, Avia Veira, lembrou que se trata dunha «conexión vital dunha comarca esquecida pola Xunta» e incidiu en que a vía está «chea de curvas perigosas e en malas condicións de seguridade e conservación, pero hai que pagar por uitilizala».

Veira denunciou o que considera «discriminación territorial que supón un custo de centos de euros en peaxes cada mes ás familias».

Pola súa banda, o portavoz do PP, Evaristo Ben, lembrou que o seu grupo presentou unha emenda ao texto -que non foi aprobada- estendendo a petición da gratuidade das peaxes ás autoestradas AP-9 e AP-53, unha cuestión que centrou boa parte da súa intervención.

O portavoz de AV, Ángel García Seoane, lembrou cando os concellos da comarca coruñesa se mobilizaron de forma conxunta para esixir eliminación da peaxe da Barcala, «algo que conseguimos» e instou a mobilizarse «todos nunha mesma liña» para eliminación das peaxes. «A peaxe de Carballo a Arteixo non ten nome, non hai nin 5 kilómetros. Iso non pasa en ningunha parte de España», afirmou.