A Deputación da Coruña publicou no BOP a concesión provisional do programa de Servizos Sociais Comunitarios 2023, que reforza os recursos de protección social dos concellos coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros, o que permitirá financiar 411.000 horas de servizo axuda no fogar (24.000 horas máis que o ano pasado) e contratar a 179 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia deste programa, «que permite reforzar a axuda no fogar, un servizo esencial para miles de persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias e ao mesmo tempo dá emprego a moitas persoas, especialmente nos concellos máis pequenos». Neste sentido, subliñou que, ademais das persoas que traballan directamente na axuda no fogar, este programa permite tamén contratar nos concellos durante un ano a 179 profesionais especialistas no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables.
O SAF garante o benestar e a atención ás persoas maiores, evitando o seu desarraigo ao permitir que sigan vivindo no seu fogar e favorecendo a conciliación laboral e a tranquilidade das familias.
Formoso considerou que o programa mellora a calidade de vida de miles de persoas e permite que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, independentemente do lugar onde residan.