A Deputación da Coruña financia servizos de socorrismo de piscinas e praias fluviais de 44 concellos

1 minutes read

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión definitiva das subvencións para os servizos de socorrismo en concellos do interior da provincia, que suporán un investimento de 304.342,24 euros para 44 concellos coruñeses.

A través desta liña de axudas, a Deputación financiará os salarios dos socorristas que traballarán este verán nas piscinas, praias fluviais e outros espazos acuáticos municipais coma o Aquapark de Cerceda ou o lago das Pontes. As achegas da Deputación van desde os 5.200 aos 9.900 euros, segundo as necesidades estimadas por cada concello. As contratacións estenderanse por un máximo de tres meses.

Este programa, que se convoca cada ano, contribúe a xerar emprego durante a época estival e a manter a seguridade das persoas usuarias das piscinas públicas e praias fluviais da provincia da Coruña.