- O proxecto, desenvolvido en colaboración coa Federación Rural Galega (FRUGA) está a desenvolverse en Zas e Mazaricos, coa intención de estendelo posteriormente a máis municipios da provincia.
O deputado de Promoción Económica, Blas García, e o responsable de FRUGA, Manuel Dacal, asinaron o convenio para cofinanciar este programa, cun coste total de 60.338 euros, dos que a Deputación achega preto do 80%.
Blas García explicou que o proxecto xa está en marcha e, nunha primeira fase, desenvólvese nos concellos de Zas e Mazaricos coa intención de estendelo a máis municipios da provincia se ten éxito, co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de reducir a deposición de restos orgánicos nos contedores e de presentarlles a opción do seu aproveitamento.
Actualmente os traballadores do programa están a levar a cabo un diagnóstico, o máis preciso posible, da situación na que se atopan estes dous concellos con respecto á recollida de lixo así como do importe da factura que supón a súa xestión.
A partir destes datos definiranse os obxectivos a acadar, como poden ser o número de vivendas nas que actuar ou os sectores produtivos sobre os que se quere incidir, ademais de marcar os diferentes actos divulgativos e formativos a realizar coa poboación.
Logo, chegará a quenda do traballo de campo cos participantes que se decidan a dar o paso e iniciar o proceso de autocompostaxe, para o que se fará un acompañamento por parte do persoal encargado de impartir as actividades formativas, explicou o deputado de Promoción Económica.