A Deputación da Coruña homenaxea ás vítimas da Covid19

1 minutes read

Membros da corporación provincial da Deputación da Coruña, entre os que se atopaban o presidente, Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, xunto co persoal da institución gardaron este venres un minuto de silencio diante da sede institucional como homenaxe ás vítimas da Covid 19 e tamén a todos os colectivos, en particular o sanitario, que foron imprescindibles á hora de combater a expansión do virus.

«Temos que lamentar o efecto brutal que a pandemia tivo en tantas persoas e enviarlles un forte abrazo a todas aquelas que perderon un ser querido e nin sequera o puideron despedir como merecían, pero temos tamén que continuar aplaudindo a todas esas persoas que mostraron a mellor cara da solidariedade e a profesionalidade, a tanta xente que se enfrontou ao virus con valentía, traballando para vencela cun esforzo que queremos recoñecer», sinalou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Pola súa parte, o vicepresidente, Xosé Regueira, quixo ofrecer unha mensaxe de enerxía «para entre todas e todos reconstruír un novo futuro e sumar forzas para a recuperación que vai ser dura, mais que precisa o esforzo conxunto de toda a sociedade. Este tempo demostrounos, en especial co persoal sanitario, que a solidariedade e o compromiso son fundamentais para enfrontar situacións complexas e iso ten que ser tamén unha lección de cara a o tempo que vén», afirmou.