A Deputación da Coruña impulsa a construción dun aparcadoiro en Balarés, Ponteceso


  • Adquire unha parcela duns 34.000 metros para facilitar o estacionamento e garantir a seguridade das persoas usuarias da área de lecer

A Deputación da Coruña, a través da área de Contratación e Patrimonio, ultima o expediente de compra dunha parcela contigua á área de lecer de Balarés, duns 34.000 metros cadrados de extensión co obxectivo de construír un aparcamento e liberar a zona do tráfico.

Coa compra da parcela e a construción do aparcadoiro na beira da área de lecer de Balarés solucionarase o problema do estacionamento ao habilitar un espazo para uns trescentos vehículos e conseguirase eliminar o tráfico rodado da vía de entrada á praia. ” Esta actuación vai permitir cumprir co obxectivo de garantir unha maior seguridade viaria no entorno da parcela de ocio de Balarés, que en determinadas épocas do verán acada importantes tráficos internos co conseguinte perigo para as persoas usuarias”, sinala o deputado da área de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto.

A obra de construción do aparcadoiro consistirá nunha intervención branda, integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo.

A área de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña traballa tamén na posibilidade de acometer a construción dunha rotonda que intercomunique a vía provincial que achega a Balarés, o vial municipal que comunica co núcleo e o vial de entrada na área de lecer, para completar unha actuación que vai mellorar en grande medida o uso da área de Balarés.