A Deputación da Coruña impulsa a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Luis Cipriano Fernández, veñen de asinar un convenio para apoiar a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires, que levará por vez primeira á escena en Arxentina a obra teatral O Heroe, do escritor coruñés Manuel Rivas. A institución provincial achegará 42.352 euros, o que representa o 80 % do orzamento total do proxecto, co obxectivo de fomentar a cultura galega, a difusión da lingua e reforzar os lazos coa comunidade galega en América.

O Heroe é a primeira peza teatral de Rivas, que cedeu á entidade os dereitos para a súa representación. A obra ofrece unha profunda reflexión sobre a guerra e o concepto de heroísmo, contextualizada no marco histórico da guerra de Sidi Ifni, un conflito pouco recoñecido oficialmente durante o franquismo. A trama sitúase en torno a Arturo Piñeiro, coñecido tamén como Robinson ou Caronte, ex boxeador e ex lexionario que rexenta un bar portuario da Coruña no que se ofrecen combates e música de fado. Tras regresar da guerra coa expectativa dun recoñecemento triunfal, descobre que a sociedade descoñece o conflito, silenciado pola ditadura franquista, e esa confrontación entre realidade e memoria levao a cuestionarse non só a súa propia identidade, senón tamén a arbitrariedade do poder e o absurdo de crear inimigos onde non os hai.

A iniciativa de crear unha compañía teatral galega en Bos Aires é un acto de reivindicación cultural e de memoria histórica, retomando o legado de figuras como Castelao, Varela Buxán, Maruxa Villanueva, María Casares ou Pepa Goldar para difundir a lingua e a cultura entre a comunidade galega e o público xeral.

O proxecto propón transformar a peza orixinal nun espectáculo musical, con música orixinal composta polos músicos da compañía e interpretada en directo pola OFAG (Orquestra da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina). Ao longo dos meses previos á estrea, prevista para este 2026, realizaranse a adaptación dramática do texto, a composición e arranxos musicais, o deseño de escenografía, iluminación e vestiario, así como os castings e os ensaios do elenco, integrado por actores, músicos, bailaríns e especialistas en diferentes disciplinas artísticas.

Antes da estrea, está prevista unha intensa campaña de promoción en medios de comunicación, con roldas de prensa e actividades de difusión da cultura galega. O espectáculo abrirase ao público nun teatro do circuíto porteño. Está previsto que asistan á estrea o autor da obra, Manuel Rivas, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Con esta nova alianza coa Federación de Asocións Galegas da República Arxentina, unha das entidades máis importantes da diáspora galega fundada en 1921, a Deputación da Coruña dá un paso importante para visibilizar a cultura e o teatro galego contemporáneo no exterior, ademais de ofrecer á colectividade galega en Arxentina un espazo para desenvolver e exhibir o seu talento artístico.

Related posts

Cine, teatro e contacontos: a programación cultural de Cerceda para o mes de xaneiro

A Deputación da Coruña leva aos institutos da provincia a obra teatral “Papel 2.0” para previr o acoso escolar

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña pecha a campaña ‘Ser e sentir’